Monday 06 de May de 2024

Inicio desigual da temporada para os equipos locais de volei


A temporada 2016/2017 de volei xa está en marcha e os equipos do Aldebarán-Intasa San Sadurniño iniciárona con resultados desiguais. O sénior da SM2 xa leva disputados dous encontros fóra da casa e marcha en primeira posición da táboa no grupo A. Un liderado que defenderá no pavillón municipal o sábado a partir das 19.30h. fronte ao CyL Palencia 2018. Porén, o arranque ligueiro dos equipos de base e femininos saldouse con derrotas para todos eles, algo ao que o clube lle resta importancia habida conta de que a temporada está aínda comezando e de que ás formacións aínda lles falta rodaxe conxunta.

Tal e como apunta Manolo Seco -un dos responsables da canteira do Aldebarán- “os resultados desta primeira xornada non nos colleron por sorpresa, posto que moitos dos equipos case non tiveran adestramentos”. Seco sinala que a falla de compenetración se notou “especialmente” no sénior feminino e nos cadetes e xuvenís masculinos.

Para o mestre “os resultados son claros e non deixan lugar a dúbidas” en canto á superioridade dos contrincantes que pasaron a fin de semana pasada por San Sadurniño, o Dompa Gestión de Ourense en feminino e o Dumbría nas categorías para rapaces.

O marcador quedou cun 0-3 en infantil e en xuvenil femininos e só as mozas do equipo sénior conseguiron anotar un set de honra fronte ao Dompa. No apartado masculino, máis do mesmo contra as formacións cadete e xuvenil do Dumbría, que en ambos casos rematou vencendo por 0-3.

Con todo, os resultados da primeira xornada teñen unha importancia relativa para o club local. “Foi só un tropezo inicial”, asegura Manolo Seco, quen destaca que os equipos de base “contan con rapaces e rapazas moi prometedoras e só nos falta traballar un pouco máis o seu funcionamento como grupo. Estou convencido de que esta temporada nos han dar unha sorpresa”.

A SM2 volve o sábado a San Sadurniño
A quen lle están indo ben as cousas desde o comezo é ao equipo da Superliga Masculina 2. Os dous primeiros encontros, disputados en Valladolid e en Tenerife, saldáronse con victorias que lles valeron aos de Sansa para situárense na cabeza da táboa clasificatoria do grupo A e para colocar a dous dos seus compoñentes -as novas fichaxes, Raúl Gómez e Andrés Portero- entre o 7 ideal da última xornada disputada.

O sábado -19.30h. Pavillón Municipal- estréanse na casa xa en competición. E farano fronte a un equipo que marcha penúltimo, o CyL Palencia 2018. Unha circunstancia -a da clasificación- que non debe levar a ninguén a engano sobre o potencial deste club, que leva varios anos rematando temporada entre os tres primeiros da competición.

Sirva como exemplo que o Aldebarán-Intasa non conseguiu ganarlle nunca en San Sadurniño desde que o equipo local accedeu á categoría. Razón esta última que, unida á afección e ao desexo do Aldebarán de manter a posición, sen dúbida contribuirá a caldear a cancha e mailas bancadas no serán deste sábado.